Para acadar os obxectivos da nosa empresa é preciso a información e a formación da xente que vive e desenvolve a súa actividade no entorno rural, ao entender que, tanto a información como a formación, son dous dos piares básicos do desenvolvemento rural.

O que procuramos coa nosa oferta formativa é desenvolver novas formas de relacionarse co territorio en toda a súa extensión; é dicir, dende o enfoque medioambiental, social e económico, apostando sempre pola sustentabilidade das actividades que se realicen no medio rural; ademais de procurar tamén a dinamización dos diferentes sectores produtivos, poñendo especial énfase nas súas necesidades, potencialidades e oportunidades, amosando novos nichos de mercado ou outras maneiras de facer agricultura.

Xelda conta con experiencia na realización de cursos tanto de formación regrada como de formación non regrada para diferentes entidades. Así mesmo, realizamos tamén formación baixo demanda, en función das necesidades e criterios do promotor.

Xelda encárgase tanto da docencia (propia ou allea) como da organización das accións formativas (temario, materiais, excursións, parte teórica e práctica), ademais das xestións necesarias con organismos públicos e/ou privados, de ser o caso (subvencións, homologacións, visitas,...).

En función das necesidades e/ou demandas das promotoras, así como as destinatarias da formación, adaptamos os nosos programas e temarios para acadar un bo grado de satisfacción.

Ademais das accións formativas, Xelda tamén organiza talleres, xornadas e congresos, sempre dentro dos obxectivos que nos marcamos e en colaboración con diferentes organismos e/ou entidades. Tamén adaptamos parte da nosa oferta formativa para os máis cativos, ofertando talleres e xornadas para nenos en función da demanda da promotora da(s) actividade(s).

Na maior parte das accións formativas presentadas neste catálogo contémplase a posibilidade de realizar visitas a casos de éxito relacionados coa temática das accións e cos temas tratados nelas.

Aquí se inclúen unha parte das accións formativas que realizamos:


AGRICULTURA ECOLÓXICA

A agricultura ecolóxica, ademais dos beneficios ambientais, sociais e económicos que aporta, representa tamén unha forma de recuperación de saberes e cultivos tradicionais.

Conscientes dos diferentes beneficios que aporta este tipo de agricultura, cada vez son máis as experiencias de agricultura ecolóxica, sendo o sector agrícola cun maior crecemento nos últimos anos.

Dende o convencemento de que a maior aprendizaxe nace da experimentación directa, con este curso pretendemos animar á produción ecolóxica, resolvendo as necesidades de formación das persoas que desexen implicarse neste tipo de produción.

Obxectivos:

  • -Dar a coñecer os beneficios, bases e principios que rexen a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía e as súas implicacións na sustentabilidade, en contraposición coa agricultura convencional
  • -Comprender a importancia da biodiversidade e do mantemento dos recursos xenéticos.
  • -Amosar as técnicas de mantemento dos agrosistemas.

Destinatarias:

Calquera persoa, colectivo ou entidade interesada na iniciación ou no cambio á produción agrícola ecolóxica.

Programa:

1.- Introdución á agricultura ecolóxica

2.- O solo en agricultura ecolóxica.

3.- O deseño en agricultura ecolóxica.

4.- As técnicas de produción.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa pode ter dúas modalidades: unha de iniciación máis enfocada aos hortos familiares e/ou de autoconsumo e outra máis “profesional” enfocada á produción ecolóxica como actividade económica.

A modalidade de iniciación ten unha duración de 30 horas teóricas, mentres que a modalidade “profesional” conta cunha duración de 90 horas. Este tempo repártese en xornadas de tres horas de duración cada unha.

Existe a posibilidade de engadir ademais unha parte práctica nesta acción, de aproximadamente a metade da duración da parte teórica. Para a isto é preciso dispor dun espazo e/ou terreo no que realizar a parte práctica.


ELABORACIÓN DE FITOSANITARIOS NATURAIS – PLANTAS QUE CURAN PLANTAS

O cultivo de alimentos para o autoconsumo é unha práctica moi común no país, especialmente nas zonas rurais e ultimamente tamén nas zonas urbanas.

Normalmente o obxectivo das hortas familiares é o cultivo de alimentos do xeito máis natural e sustentable posible, facendo famoso o dito de “sabes o que comes”.

O emprego de insumos agroindustriais nas pequenas hortas fai que estas deixen de cumprir con ese obxectivo, facéndoas menos sustentables tanto ambiental coma economicamente.

O coñecemento tradicional ensínanos que moitas das plantas silvestres teñen certa influencia no control de pragas e doenzas dos nosos cultivos, mellorando a súa sanidade e resistencia a estas.

Obxectivos:

  • -Adquirir coñecementos básicos sobre a sanidade vexetal e o emprego de extractos naturais para o coidado dos cultivos.
  • -Sensibilizar na perigosidade do uso de produtos agroindustriais.
  • -Coñecer e identificar as pragas e enfermidades máis comúns que afectan aos nosos cultivos.
  • -Proporcionar as ferramentas, tanto teóricas como prácticas, necesarias para a realización dos extractos naturais de plantas.

Destinatarias:

Esta acción está dirixida a todas as persoas, colectivos e entidades que desexen cultivar de xeito máis sustentable.

Non é preciso ter coñecementos previos.

Programa:

1.- Introdución ás pragas e doenzas.

2.- Pragas e doenzas mais comúns dos cultivos hortícolas.

3.- Plantas beneficiosas na horta.

4.- Os extractos naturais de plantas. Receitas, preparación e aplicación.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa ten unha duración de 20 horas teóricas repartidas en 8 xornadas de 2,5 horas de duración cada unha.

As xornadas teóricas intercalaranse con pequenas prácticas de elaboración de preparados naturais.


INTRODUCIÓN Á PODA DE FROITEIRAS

Quen non ten unha maceira na súa casa?.

A poda de froiteiras é unha técnica necesaria para mellorar a produción das nosas froiteiras así como a súa calidade.

Así mesmo, as podas mal realizadas comprometen a produción e a sanidade das árbores, podendo mesmo comprometer a súa supervivencia. A non poda das árbores fai que estas produzan menos e mesmo deixen de producir, inda que, máis importante que podar, é saber podar.

Obxectivos:

  • -Adquirir uns coñecementos básicos sobre a poda de froiteiras.
  • -Comprender o funcionamento das froiteiras.
  • -Adquirir coñecementos nas técnicas de poda das froiteiras máis comúns.

Destinatarias:

Todas aquelas persoas que desexen adquirir uns coñecementos básicos sobre a poda de froiteiras.

Non é preciso ter coñecementos previos.

Programa:

1.- Morfoloxía e fisioloxía da árbore froiteira.

2.- Xeneralidades sobre a poda.

3.- Ferramentas e utensilios para a poda.

4.- Épocas de poda.

5.- Tipos e técnicas de poda.

6.- Prácticas de poda.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa ten unha duración de 7 horas, repartidas en dúas xornadas. A primeira delas sería una xornada de tres horas de duración onde se expoñerán os principios teóricos da poda de froiteiras.

A segunda xornada, de 4 horas de duración, consistirá nunha saída de campo para por en práctica o aprendido na xornada teórica.

Para a realización da parte práctica será preciso contar con árbores para podar. O promotor do curso será o encargado de buscar o lugar máis apropiado para a realización das prácticas, podendo ser árbores das asistentes ao curso.


CONSERVAS DE VEXETAIS

Na maioría das casas do rural prodúcense grande cantidade de alimentos que, en moitos casos, se perden ou acaban sendo comida para animais. Ao tratarse de alimentos perecedoiros e ao descoñecer as diferentes técnicas de conservación estes alimentos pérdense, desaproveitando un importante recurso.

As conservas caseiras son unha boa forma de almacenar durante un período de tempo maior todos aqueles vexetais perecedoiros que, doutro xeito, perderíanse ou estragaríanse.

A conservación de alimentos non ten que ser soamente para o autoabastecemento, podendo tamén converterse nunha forma de autoemprego mediante a comercialización dos produtos transformados.

Obxectivos:

  • -Adquirir coñecementos básicos sobre a realización de conservas vexetais de forma sinxela e sen riscos.
  • -Coñecer as diferentes formas de conservación dos vexetais.

Destinatarias:

Esta acción formativa está dirixida a todas as persoas, colectivos e entidades que desexen adquirir coñecementos sobre a realización de conservas vexetais.

Programa:

1.- Introdución ás conservas vexetais.

2.- Materiais, métodos e procesos de conservación.

3.- Técnicas segundo os diferentes produtos a conservar.

4.- Erros máis comúns na elaboración das conservas e como evitalos.

5.- Causas e riscos dunha mala conservación.

6.- Aspectos legais da comercialización das conservas caseiras.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa ten unha duración de 15 horas teóricas repartidas en 3 xornadas de 5 horas de duración cada unha.

Este curso enténdese como eminentemente práctico, polo que é preciso dispor dunhas instalacións axeitadas, con cociña, para o correcto desenrolo do curso.


RECOLECCIÓN E CONSERVACIÓN DE SEMENTES

A biodiversidade é esencial para a nosa supervivencia como especie, inda que nos está sendo restrinxida silenciosamente.

Dende a aparición da vida na terra, a evolución orixinou unha grande diversidade de especies e individuos adaptados, mediante a selección natural, ás diferentes condición locais onde se desenrolaban. Esta variabilidade xenética acumulada resulta esencial para o equilibrio do sistema.

Cada vez son menos as variedades con adaptadas localmente, e cada vez son maiores as extensións de cultivos xeneticamente uniformes e, hoxe en día, modificadas xeneticamente.

Na selección moderna de variedades comerciais déixanse de lado criterios coma o sabor, a maduración estacionada ou a resistencia a pragas e doenzas, que son características fundamentais para quen cultive un anaco de terra. De aí a importancia para a conservación das variedade tradicionais e/ou adaptadas localmente.

Obxectivos:

  • -Adquirir coñecementos básicos sobre a recolección e conservación de sementes.
  • -Coñecer as diferentes formas de propagación dos vexetais.
  • -Sensibilizar na importancia do mantemento da biodiversidade e a conservación das variedades locais.
  • -Concienciar no emprego de especies autóctonas/locais.

Destinatarias:

Esta acción formativa está dirixida a todas as persoas, colectivos e entidades que desexen adquirir coñecementos sobre a recolección e conservación de sementes.

Programa:

1.- Introdución ás diferentes formas de reprodución dos vexetais.

2.- Mantemento da pureza da variedade e principios da xenética a ter en conta.

3.- Criterios de selección de individuos por especie.

4.- Métodos de colleita segundo as diferentes especies e/ou grupos de especies.

5.- Técnicas de conservación.

6.- Sanidade das sementes.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa ten unha duración de 15 horas teóricas repartidas en 5 xornadas de 3 horas de duración cada unha.


INTRODUCIÓN ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS - INFORMÁTICA

Dende fai tempo, as novas tecnoloxías ocupan un espazo importante nas nosas vidas e relacións tanto sociais coma administrativas. A fenda dixital provoca novas formas de exclusión social, informativo e mesmo económico daquelas persoas que non teñen coñecementos neste ámbito.

As diferentes administracións públicas apostan fortemente polo achegamento das TIC ás zonas rurais, pero en moitos casos déixase de lado o acceso ao coñecemento para o emprego destas tecnoloxías.

Obxectivos:

  • -Adquirir coñecementos básicos sobre o uso das computadoras e a internet.
  • -Familiarizarse coas computadoras e o seu uso.
  • -Coñecer as principais partes dunha computadora e o seu funcionamento.
  • -Proporcionar as ferramentas necesarias para adquirir os coñecementos mínimos necesarios para o manexo de paquetes de ofimática, correo electrónico e redes sociais.

Destinatarias:

Esta acción formativa está dirixida a todas as persoas, colectivos e entidades que desexen adquirir coñecementos sobre o uso das computadoras e das novas tecnoloxías.

Non é preciso ter coñecementos previos.

Programa:

1.- Introdución aos computadoras. O hardware e o software.

2.- Os paquetes ofimáticos.

3.- Introdución a internet.

4.- Introdución ao correo electrónico.

5.- Blogues, redes sociais e a internet 2.0.

6.- O software libre.

Desenrolo do curso:

Esta acción formativa ten unha duración de 30 horas teóricas repartidas en 10 xornadas de 3 horas de duración cada unha.